Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en galego. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

As Torres do Allo pechan a campaña de verán de 2026 cun balance moi positivo. O monumento recibiu 4.516 visitantes durante os meses de verán, unha das cifras máis altas da súa historia.

No que vai de ano, xa son 6.514 as persoas que visitaron as Torres do Allo, consolidando o pazo como un dos principais recursos culturais e turísticos da Costa da Morte.

Este éxito débese, en boa medida, á programación desenvolvida durante o verán, que combinou cultura, patrimonio e actividades para todos os públicos. Entre elas estiveron os campamentos infantís, os concertos de música de cámara, as visitas teatralizadas dos Quinquilláns, o proxecto A Carriza de Aantena Teatro, o Escape Room “O Caso Riobóo”, o xogo de pistas “O legado de Francisca”, as visitas guiadas e a tradicional Romaría do San Ramón.

As visitas guiadas gratuítas realizadas durante os meses de xullo e agosto contaron con 408 participantes, mentres que as visitas teatralizadas reuniron preto de 200 persoas. O Escape Room, pola súa banda, superou o centenar de participantes.

Outro dos aspectos destacados foi a importante afluencia de visitantes tamén durante os días laborais. As Torres do Allo mantivéronse abertas os sete días da semana, facilitando que as persoas que percorren a Costa da Morte poidan coñecer o monumento durante toda a súa viaxe.

Visitantes de Galicia, España e doutros países

As Torres do Allo continúan aumentando a súa capacidade para atraer visitantes de fóra da comarca. Durante o verán recibíronse 1.504 persoas procedentes doutras comunidades autónomas. En agosto, o turismo nacional representou o 41,77 % das visitas.

Ademais, o monumento recibiu persoas procedentes de 15 nacionalidades diferentes, destacando Francia, Portugal e Alemaña entre os países europeos, e Arxentina e Brasil entre os visitantes de fóra de Europa.

 

As Torres do Allo pechan un verán histórico con máis de 4.500 visitantes