Víctor López Seoane foi probablemente un dos naturalistas máis importantes do seu tempo. Zoólogo, botánico, meteorólogo… este científico de renome internacional nacido en Ferrol no 1832, entronca ca familia dos Riobóo ao casar con Francisca de Riobóo e Álvarez, Dona do Allo, no 1870. Dende entón, López Seoane residiu nas señoriais Torres do Allo dedicando a súa vida ó estudo da flora e da fauna de Galicia, descubrindo varias especies animais e publicando libros de referencia no seu campo.

O Pazo do Allo constitúe para Seoane o campamento base perfecto para unha frenética actividade investigadora e divulgativa con conexións en todo o mundo. Membro da Socièté Entomologique de France et la Belgique; membro da Sociedade Española de Historia Natural; do Consello Provincial de Agricultura, Industria e Comercio; membro do Comité de Patronage do Congreso Internacional de Zooloxía de París de 1889; López Seoane foi un dos maiores coleccionistas de seres naturais de España, e formou o museo particular máis grande de Galicia, recibindo premios de coleccionismo en Filadelfia, París ou Barcelona. Filántropo ademais de científico, doa moitos dos seus exemplares que agora están expostos no British Museum, no Museum d’Histoire Naturelle de París ou no Museo de Berlín.

Víctor López Seoane participou da modernización dos procesos científicos dende a ‘finisterrae’ grazas á correspondencia que mantiña co gran biólogo Charles Darwin, autor da teoría da selección natural das especies. Estas misivas, que probablemente escribía dende algún dos despachos do Pazo do Allo, cambiaron por completo a súa forma de entender a actividade investigadora e influénciano decisivamente para iniciar varios proxectos de gran relevancia. Un deles é o da primeira Historia Natural de Galicia, con numerosos traballos sobre ornitoloxía, herpetoloxía e entomoloxía.

Mentres Seoane mandaba plantar a carballeira da entrada ás Torres do Allo e reformaba o xardín barroco que hai detrás do pazo; descubría novas especies de ortópteros, realizaba un Catálogo dos Arácnidos de Galicia, un Catálogo de Anfibios e Réptiles de Galicia, a primeira monografía de Ornitoloxía Ibérica, o Catálogo da Colección de Aves de Seoane (o máis importante documento da Historia da Ornitoloxía Galega), o Catálogo da Colección Herpetolóxica de Seone, ou os Traballos Botánicos sobre Plantas Insectívoras de Galicia. Non sabemos se foi durante algún paseo polas hortas, campos e soutos do Allo se é que descubriu a salamántiga galega, a ‘salamandra salamandra gallaica’, dúas novas especies de ra, e a chamada víbora galega, a ‘vípera berus seoanei’.

En todo caso, o Pazo do Allo converteuse coa chegada de Víctor López Seoane nun lugar case académico, frecuentado por intelectuais e estudosos/as da época. Un entorno idílico onde compartir a paixón polo verde, polos animais e o respecto polo medio ambiente. Espírito que segue hoxe máis presente ca nunca na paraxe natural de Torres do Allo.