🎄O Nadal no Allo: Obradoiro de Adornos e Contacontos Máxico o 13 de decembro🌟
O pazo máis antigo de Galicia xa comeza a vestirse de Nadal! As Torres do Allo, coa organización do Concello de Zas e a colaboración da Deputación da Coruña, prepararon unha tarde especial e totalmente gratuíta de actividades para celebrar a chegada das festas o vindeiro mércores, 13 de decembro.
🎨 Obradoiro de bolas de Vancouver para a nenos e nenas
A xornada arrincará ás 16:00 horas cun Obradoiro de Elaboración de Bolas de Vancouver, unha manualidade dirixida a nenos e nenas de 5 a 10 anos.
Nesta actividade, a rapazada poderá desenvolver a súa creatividade utilizando diversos materiais para deseñar e elaborar adornos únicos para colgar nas súas árbores de Nadal. Un xeito perfecto de crear recordos festivos e levar un anaco do Allo para a casa.
Importante: As prazas son limitadas e é imprescindible inscribirse previamente. Pódense formalizar as reservas nos Centros Socioculturais de Zas (981 751 398) ou Baio (981 718 056), ou enviando un correo electrónico a info@torresdoallo.gal.
📚 Un Saco de Contos para todos os públicos
A tarde continuará ás 17:30 horas cunha máxica sesión de narración oral: “Un Saco de Contos”, a cargo da contadora Ángeles Goas.
Esta actividade está aberta a todos os públicos e é un espectáculo onde os contos tradicionais e literarios saen dun saco cargado de historias que a narradora regala libremente a cambio de recitados, trabalinguas e adiviñas. Unha experiencia interactiva para desfrutar en familia.
Continuamos abertos e con programación gratuíta
Ademais destas actividades especiais, lembramos que durante todas as datas do Nadal poderá seguir desfrutando da nosa oferta cultural habitual, sempre de balde:
-
Exposición Temporal: Visite a mostra “Rioboo, a saga do Allo”, que afonda na historia da familia fundadora do pazo.
-
Visitas Guiadas: Dispoñibles como é habitual ás 13:00h e ás 17:00h.
-
Xogo de Pistas: O divertido “O Legado de Francisca” para nenos, nenas e familias.
O pazo máis antigo de Galicia seguirá abrindo as súas portas sábados, domingos e festivos de 11:00 a 19:00 horas. O pazo permanecerá pechado unicamente os días 24, 25 e 31 de decembro.
Non perdas a oportunidade de vivir un Nadal diferente nun marco incomparable!

