Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en galego. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

O vindeiro 22 de Xullo darase nas Torres do Allo un concerto de FAIA para comezar a sesión musical deste verán no pazo.

FAIA presenta un novo espectáculo, que é en realidade unha evolución, un paso máis no seu proceso de creación desde o primeiro disco. Os ritmos e melodías tradicionais buscan outros camiños a través da voz, movéndose entre o íntimo, o que se di e o que se silencia. É un traballo en construción, do que tirar do fío nun proceso continuo. Neste caso, a escena servirá de casa, de refuxio onde reflexionar sobre o poder da transmisión no ámbito do doméstico, na herdanza. Aberta cara o experimental, a música atopa eco noutras disciplinas e dialoga nunha dimensión máis plástica. Como unha constante no seu traballo, a muller volve ser a protagonista, portadora dunha identidade rica, xenuína e diversa.

Faia Díaz Novo (Santiago de Compostela, 1988) é cantante e licenciada en Historia da Arte pola USC. É fundadora e integrante do grupo musical De Vacas desde 2015, do Coro Encaixe desde o 2016 e da compañía A Patacón desde 2017. Desde 2020 forma tamén parte, xunto a Nacho Muñoz e LAR Legido, dunha formación na que revisan o repertorio do Zeca Afonso desde unha óptica contemporánea e experimental.

A entrada será de balde e a actuación comezará ás 20:00 horas no exterior do pazo das Torres do Allo. Está dirixido para o público xeral e familiar.

Música nas Torres con FAIA