Sorry, this entry is only available in galego and Español. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in this site default language. You may click one of the links to switch the site language to another available language.

O pazo máis antigo de Galicia, con 526 anos de antigüidade, atesoura moita historia entre as súas pedras. Unha delas é que alí viviu un dos científicos naturalistas máis importantes da súa época: Víctor López-Seoane.

Este ilustre veciño de Zas casou a mediados do século XIX con Francisca de Riobóo, dona das Torres do Allo; motivo polo cal puido adicar a súa vida ao estudo de plantas e animais. Dende o pazo do Allo mantiña correspondencia internacional con Charles Darwin ou Fernand Lataste, dous dos máis importantes científicos da Historia. Chegou incluso a recibir a visita de Ragnar Hult, o botánico finlandés, nas Torres do Allo.

Pero quizais os fitos máis destacados de Víctor López-Seoane son o descubrimento de novas especies animais que levan o seu nome; como a víbora galega, chamada Vipera seoanei na súa honra; así como a publicación da primeira Historia Natural de Galicia.

A Concellería de Cultura de Zas, en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza unha exposición monográfica titulada “Seoane: o naturalista das Torres do Allo” sobre a súa figura. A inauguración terá lugar o vindeiro sábado día 13 de outubro á 13:00 e poderá visitarse os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 19:00 ata o 18 de novembro.

Na exposición participa tamén o Museo de Historia Natural e o Herbario SANT da USC, os Museos Científicos Coruñeses, o Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide, o Museo do Pobo Galego, e a Charles Darwin Foundation; institucións que ceden exemplares de plantas e animais, así como documentación relativa á vida e traballo científico de Seoane.

Esta exposición ten lugar en paralelo ao programa didáctico dirixido á comunidade educativa, polo que aqueles centros que visiten as Torres do Allo, ademais de realizar obradoiros adaptados e visitas específicas para cada idade, poderán desfrutar desta exposición sen precedentes.

Exposición temporal sobre o naturalista Víctor López-Seoane