Sorry, this entry is only available in galego and Español. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in this site default language. You may click one of the links to switch the site language to another available language.

As Torres do Allo acollerán este sábado 14 de novembro unha nova edición do tradicional Magosto, unha xornada festiva que combinará maxia, música, tradición e gastronomía nunha tarde pensada para gozar en familia.

A programación dará comezo ás 17:00 horas co espectáculo de maxia familiar de Samuel Moreno. O ilusionista ofrecerá unha proposta dinámica e participativa na que o humor, a sorpresa e os efectos de maxia serán os protagonistas. Nenos, mozos e maiores poderán formar parte dunha función na que nada é exactamente o que semella.

A partir das 18:00 horas, chegará o momento de celebrar o Magosto nas Torres do Allo. O Concello de Zas ofrecerá castañas asadas de balde para todas as persoas que se acheguen ao recinto monumental. A festa estará acompañada pola música e os bailes tradicionais da Asociación Cultural Adro e da Asociación de Baile Tradicional Churía.

Durante toda a tarde tamén estará aberta unha cantina atendida polo alumnado de 4º da ESO do IES Maximino Romero de Baio, que destinará a recadación a financiar as súas actividades escolares e a viaxe de fin de curso.

O evento, organizado polo Concello de Zas, busca continuar dinamizando as Torres do Allo tamén fóra da tempada estival e converter este espazo histórico nun lugar de encontro para a veciñanza e para todas as persoas que queiran achegarse a desfrutar dunha tarde de festa e tradición.

Datos do evento

📅 Sábado, 14 de novembro de 2026
🕔 A partir das 17:00 horas
📍 Torres do Allo — O Allo, Zas

17:00 h: Espectáculo de maxia familiar con Samuel Moreno
18:00 h: Magosto con castañas de balde, cantina solidaria e música tradicional con Adro e Churía

A entrada e todas as actividades son de balde e non é necesaria inscrición previa.

Unha tarde para vivir a maxia, saborear o outono e desfrutar das nosas tradicións nas Torres do Allo.

 

 

Magosto e maxia nas Torres do Allo