Sorry, this entry is only available in galego and Español. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in this site default language. You may click one of the links to switch the site language to another available language.

O 2017 supuxo certamente un antes e un despois no monumento histórico Torres do Allo, situado en Zas. Tras asumir o Concello a súa xestión, este pazo do século XV converteuse no recurso turístico estrela do municipio. As Torres do Allo pechan o ano con 7.295 visitantes, o que supón 3.428 persoas máis que no 2016 e 3.707 máis que no 2015. Máis do dobre de público visitou o conxunto histórico-artístico con respecto do ano precedente, o que é sen dúbida unha importante conquista e sitúa ao Pazo do Allo coma un produto cultural estratéxico para a comarca.

O plan de actividades deseñado pola Concellería de Cultura de Zas tivo unha moi boa aceptación e amosa o seu resultado nas impresionantes cifras de participación acadadas no 2017. As visitas teatralizadas realizadas por Os Quinquilláns; os concertos ao aire libre dentro do ciclo “Clásica nas Torres”; o magosto do Allo celebrado no outono; o I Concurso de Fotografía co Móbil “Enfoques do Allo”; o cine nas noites de verán; as conferencias Monografías do Allo; así como o Xogo de Pistas para as familias, foron as actividades que máis público congregaron.

Visitantes de toda procedencia e nacionalidade achegáronse ás Torres do Allo para descubrir a súa historia e valores patrimoniais. Dende todas partes de Galicia viñeron ata Zas para marabillarse co primeiro pazo da historia. Madrid, Cataluña, Asturias, País Vasco e Castela e León foron as comunidades que maiores cifras de público achegaron ao total de visitantes. Dende Francia, Reino Unido, Italia, Portugal, e outros varios países europeos, así coma do continente americano e asiático, viñeron coñecer as Torres do Allo. Tamén o turismo de proximidade xogou un importante papel nas épocas de tempada baixa; grazas ao cal as Torres do Allo situáronse coma o recurso turístico máis visitado na Costa da Morte en outono.

Un gran salto de cantidade motivado por un salto de calidade na xestión e na oferta do monumento que conta cun presente frutífero e cun futuro máis que esperanzador para a dinamización do Concello de Zas e de toda a Costa da Morte.

Un ano récord para Torres do Allo