Volve o popular Pazoescape das Torres do Allo, unha actividade deseñada polo Concello de Zas para coñecer a historia e segredos do pazo máis antigo de Galicia a través do xogo de escapismo “Estar no Allo” cunha nova temática e con probas renovadas para conseguir fuxir do pazo no menor tempo posible.

O Escape Room poderá facerse de luns a sábado, ás 16:00 horas da tarde e entre o 5 de xullo e o 15 de setembro. O tempo asignado para resolver as probas e poder escapar do pazo estará estritamente limitado a 60 minutos.

“Estar no Allo” é unha actividade gratuíta, orientada a público adulto e para participar será preciso facer unha reserva enviando un correo a info@torresdoallo.gal cos seguintes datos:

● Nome da persoa que reserva.
● Número de participantes (entre 2 e 5 persoas).
● Teléfono de contacto.
● Correo electrónico.
● Día da reserva.

A reserva farase efectiva mediante envío dun correo de confirmación por parte da organización das Torres do Allo. Recoméndase traer roupa e calzado axeitado, e se chove paraugas, para moverse polos exteriores do pazo.

“Estar no Allo” novo pazoescape das Torres do Allo