Desde o 1 de abril as Torres do Allo acollerán a exposición “Galicia con Exin Castillos“, organizada polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña.
Exin Castillos, foi un xoguete moi popular na década de 1980 co que calquera neno e nena podía construír o seu propio castelo medieval ou mesmo un pobo do afastado oeste. En 2015, os membros da Asociación Exin Castillos & West, Fran Guerra, Santiago Franco, Luís Arias, David Salgado, Juan Amandi, Marcos Oliveira e Xurxo Barcala a recuperaron a súa afección e dedicáronse a recrear os monumentos máis recoñecidos da cultura galega cos mesmos xoguetes que usaban de cativos.
Na exposición Galicia con Exin Castillos poderemos atopar castelos como o de Pambre (Palas de Rei – Lugo) ou o de Sobroso (Mondariz – Pontevedra); pazos como o de Meirás (Sada – A Coruña), o faro de Fisterra ou a Torre de Hércules (A Coruña) e ata a catedral de Santiago entre outras moitas maquetas expostas por todo o pazo das Torres do Allo.
Tamén estará o “Castelo Fantasía”, unha enorme maqueta que Fran Guerra comezou a construír dende moi cativo e onde os máis pequenos e pequenas deberán atopar as figuras agochadas.
A mostra poderá visitarse todos os sábados, domingos e festivos en horario de apertura do Pazo, de 11:00 h a 19:00 h.