Coa chegada do verán, as Torres do Allo amplían o seu horario de apertura para que visitantes e familias poidan gozar durante máis tempo deste emblemático pazo.

Desde agora, o Pazo das Torres do Allo abrirá todos os días de 11:00 h a 20:00 h, ampliando ademais o horario unha hora extra de apertura os sábados e domingos.

Obradoiro infantil gratuíto de San Xoán

As Torres do Allo acollerán tamén un obradoiro infantil gratuíto o venres 26 de xuño ás 16:00 h, dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos.

Nesta actividade, os participantes elaborarán as súas propias pulseiras empregando fíos inspirados nas cores do lume e elementos que evocan as tradicionais herbas de San Xoán. A través desta proposta creativa, os máis pequenos poderán estimular a súa imaxinación e desenvolver a súa destreza manual nun ambiente lúdico, educativo e vencellado ás tradicións populares galegas.

As prazas son limitadas, polo que se recomenda realizar inscrición previa a través das seguintes vías:

  • Centros Socioculturais: Zas (981 751 398).
  • Correo electrónico: info@torresdoallo.gal.

Agardámosvos nas Torres do Allo para desfrutar dun verán cheo de patrimonio, cultura e actividades para toda a familia.

 

Horario de verán nas Torres do Allo e obradoiro infantil de San Xoán