O Mercado de San Ramón volve ás Torres do Allo con artesanía e música tradicional

As Torres do Allo, en Zas, acollerán unha nova edición do Mercado de San Ramón o vindeiro domingo 31 de agosto. Esta cita, xa imprescindible no verán da Costa da Morte, encherá o histórico recinto de artesanía, música e tradición popular, nunha xornada pensada para toda a familia.

Organizado polo Concello de Zas coa colaboración da Deputación da Coruña, o evento celebrarase de 11:00 a 19:00 horas e reunirá a artesáns, músicos e visitantes nun ambiente único.

Un programa completo para gozar do día
Durante toda a xornada, o Mercado de Artesanía ofrecerá a oportunidade de coñecer e adquirir pezas únicas, ademais de participar en actividades e obradoiros:

  • 12:00 h: Obradoiro de modelado de barro, para o que se require inscrición previa no 981 718 056.
  • 14:30 h: Concerto de Unto Vello, un dúo de música tradicional formado por Bieito Pereira e Xabi Gómez, que actuarán con voces, acordeón e percusión.
  • 15:30 h: Xa é tradición, volven as merendas campestres! Anímaste a comer de campo no xardín do pazo ou nos prados da contorna?
  • 17:00 h: Obradoiro familiar “Creasóns”, no que o artista Cé Orquestra Pantasma ensinará a crear instrumentos musicais con materiais naturais e de refugallo, estimulando a creatividade dos participantes.
  • 18:00 h: Concerto de Cé Orquestra Pantasma, que recupera a figura do “Home Orquestra” cun espectáculo cheo de ritmo, forza e fantasía onde o público se converte no protagonista.

Ademais, ao longo de todo o día, haberá unha demostración de fabricación de pandeiros, para coñecer de preto o proceso artesanal dun dos instrumentos máis emblemáticos da nosa música.

Non perdas esta cita no calendario e goza dunha xornada chea de creatividade e cultura nun dos espazos patrimoniais máis fermosos da comarca.

Unto Vello
Unto Vello
Cé Orquestra Pantasma
Cé Orquestra Pantasma

 

Volve o San Ramón do Allo 2025
Tagged on: