Música e monicreques no Allo

O sábado 12 de xullo ás 20:00 horas as Torres do Allo terá a súa primeira actuación do verán con Os Monifates, unha actividade de música e marionetas organizada polo concello de Zas para toda a familia.

Alberto Millán Betanzos e Xosé Piñeiro Pérez conforman un dúo cunha ampla experiencia musical e de lutería. Xuntáronse no ano 2013 para deseñar un proxecto en común, Os Monifates, no que tivesen cabida parte as súas inquedanzas artísticas e tradicionais, relacionadas coa música, o baile, os monicreques e a cultura galega en xeral.

Estiveron dous anos investigando e recompilando información sobre os chamados monicreques danzantes, e despois de estudar o que se conserva desta arte e de facer múltiples probas, comezaron a construílos, adaptándoos á nosa tradición cultural e incluso creando algúns con mecanismos propios, para así tratar de recuperalos.

Foi no ano 2015 cando conseguiron darlle forma e vida a Os Monifates, e dende aquela van repartindo alegría e facendo bailar as súas marionetas ó mesmo tempo que interpretan música en directo.

A entrada á actuación é totalmente de balde.

 

Chegan Os Monifates ás Torres do Allo o 12 de xullo